O proxecto

España é o primeiro produtor de moluscos da Unión Europea.

O cultivo de moluscos no noso país supón o 40% da produción total da Unión Europea e ao redor do 20% da produción mundial. Galicia representa aproximadamente o 95% da produción nacional.

Neste sentido, o marisqueo e a produción de mexillón e outros bivalvos son actividades de grande importancia para a economía galega, dos que dependen directamente un gran número de familias que levan sufrindo durante os últimos anos un maior número de paralizacións da súa actividade debido ao incremento do número de episodios de presenza de biotoxinas.

O proxecto consiste na produción do audiovisual de divulgación científica Mareas vermellas sobre a relación existente entre as condicións oceanográficas e a dinámica fitoplanctónica responsable da presenza de biotoxinas na rías.

O documental pretende mostrar os tipos de biotoxinas detectadas, as especies de fitoplancto que as producen, así como as causas e factores que determinan a aparición dos fenómenos tóxicos nas rías e a súa consecuencia sobre a explotación dos moluscos bivalvos.

Ademais, o audiovisual pretende visibilizar o papel da comunidade científica na investigación de sistemas fiables de detección e de métodos de análises exhaustivas que consigan a prevención ou detección anticipada destes episodios tóxicos.